Thursday 28 de March de 2024

Aberto o prazo de inscrición para os Obradoiros de verán nas Escolas Infantís Municipais


As Escolas Infantís Municipais de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños, ofertan para este verán un total de 45 prazas dirixidas a nenos e nenas con idades comprendidas entre 3 e 8 anos. Os Obradoiros de verán convértense así un ano máis nunha proposta lúdica de calidade para os máis pequenos da casa, ao tempo que se favorece a conciliación da vida familiar, laboral e persoal das familias nos períodos extraescolares.

A data de inscrición para o alumnado xa matriculado estará aberto desde hoxe, 5 de maio ata o 9 de maio; e os Obradoiros desenvolveranse nos meses de xullo e agosto (agás sábados, domingos e festivos), en horario 10:00 h a 14:00 h con posibilidade de solicitar o servizo de almorzo (de 09:00 h a 10:00 h); e de comedor (de 14:00 h a 15:00 h), así como as franxas “fóra do horario”, entre as 07:30 h e as 10:00 h e entre as 15:00 h e as 16:00 h. O prazo de presentación de solicitudes de novo ingreso será do 12 ao 20 de maio.

As actividades están dirixidas a nenos e nenas empadroados no Concello de Santiago ou que cursen os seus estudos en centros de educación infantil e primaria desta cidade, con idades comprendidas entre os 3 e os 8 anos (2º ciclo de educación infantil e 1º e 2º de educación primaria). O número total de prazas distribuirase por centro da seguinte maneira: 15 prazas para a Escola Infantil Municipal de Conxo, 15 para a das Fontiñas e 15 para a de Meixonfrío-Salgueiriños.

Con estes obradoiros búscase facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, ofrecendo aos nenos e nenas unha alternativa de lecer e tempo libre, desenvolvendo valores de cooperación, respecto e tolerancia, a través dos seguintes obxectivos específicos:

• Sensibilizar aos nenos/as con diferentes disciplinas artísticas de xeito divertido.
• Fomentar a curiosidade, as gañas de aprender e de descubrir novas aventuras.
• Desenvolver a autonomía persoal no día a día.
• Dar a coñecer diferentes actividades lúdicas de lecer e tempo libre.
• Promover actividades que favorezan o traballo en equipo e a creatividade.
• Fomentar o compañeirismo e a tolerancia a través de actividades de traballo en equipo.
• Coñecer o entorno que nos rodea.

Solicitude dos Obradoiros de verán

As solicitudes presentaranse por medios electrónicos ou de xeito presencial, solicitando cita previa, no Rexistro xeral do Concello de Santiago (rúa Presidente Salvador Allende 4, Galeras) ou mediante calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das Administracións Públicas.

O impreso de solicitude estará dispoñible, xunto coa información complementaria, nas Escolas Infantís Municipais de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños, no Departamento de Educación (Edificio CERSIA, Rúa do Alcalde Raimundo López Pol, s/n), e na sede electrónica da web municipal (Catálogo de trámites na plataforma electrónica: “Inscrición nos obradoiros das escolas infantís municipais”. Modelo ED003)